Presentación de resultados do proxecto BiomáisCO2

A presentación de resultados do proxecto no que participa UXAFORES tivo lugar en liña o día 30 de setembro.

O proxecto ‘Biomáis CO2’, iniciado en 2022, foi liderado pola empresa Asefor e nel participaron tamén a asociación Bioeco2, o Clúster da Madeira, Ramón Lourido e a USC. Trátase dunha actividade realizada por un Grupo Operativo financiado polo Ministerio de Agricultura e da Xunta de Galicia con Fondos Feader.
Na presentación amosáronse as novas funcionalidades implementadas na ferramenta “Bikenta Mplus” no marco deste proxecto, entre as que destaca a que permite simular a evolución dun rodal forestal xestionado mediante un determinado programa silvícola. Como explicou o membro de UXAFORES Ulises Diéguez na súa presentación, o simulador proporciona estimacións do carbono capturado pola masa forestal e unha avaliación económica da inversión, o que permitirá aos propietarios e aos técnicos tomar decisións de xestión mellor informadas.
Na actualidade, o simulador inclúe os modelos dinámicos de crecemento de rodal desenvolvidos con anterioridade a este proxecto na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo (USC) para as tres principais especies de piñeiro presentes en Galicia (piñeiro do país, radiata e silvestre), para dúas frondosas caducifolias (carballo e bidueiro) e para o eucalipto globulus. No vindeiro ano agárdase incorporar tamén a especie eucalipto nitens.
Está dispoñible un vídeo cos resultados do proxecto.
 

Uso de cookies

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.

Máis información Aceptar